domingo, 10 de decembro de 2017

Hoxe finalmente non vou.

Lamento non ter avisado antes, pero dado o temporal voume antes este domingo. 

Para o próximo domingo seguen pendentes as dúas entradas anteriores. 

Feliz semana. 

domingo, 3 de decembro de 2017

Conversos III: Sospeitosos.


A visualización destes videos é voluntaria. 


Consiste no trailer e en varios extractos comentados da película "Tierra de María" (aquí a páxina da película). Nas entrevistas que podedes ver de seguido coméntase o caso de varias persoas que nun momento determinado cambiaron a súa vida, nun proceso comúnmente conocido como "conversión". 








A máis famosa e impresionante conversión foi a de San Pablo, que pasou de fanático anticristiano (ao parecer estaba presente cando San Esteban foi martirizado por lapidación) a apóstolo (foi o único apóstolo que non compartira vida con Xesús) e redactor de 13 cartas conservadas no Novo Testamento, e que morreu martirizado en Roma ao mesmo tempo que San Pedro. 

Que teñades boa semana. 

O comezo da Alianza. A historia de Noé.

A Biblia é o libro sagrado tanto para hebreos como para cristiáns. 

O nome Biblia é o plural do termo grego "biblon" (libros), de onde podemos quitar que a Biblia está conformada por un conxunto de libros escritos por diferentes autores en diferentes etapas históricas. 

Podemos comezar a organización destes libros dividíndoos en dúas partes, o Antigo e o Novo Testamento. 

No noso idioma "testamento" ten o sentido de "herencia", se ben a palabra orixinal hebrea é "berit", que significa "alianza" ou "pacto". Así distinguiríamos na Biblia entre antiga e nova alianza. 

En realidade a clave da Biblia é o concepto de "alianza": se segues a Deus non es o seu escravo coma nas relixións paganas: en realidade es o seu aliado, Él precisa de ti, e o describe ao longo de todo o libro. Acabaremos cando vexamos as cartas de San Pablo, en concreto 1ª Corintios capítulo 3: 

"
7De maneira que nin o que planta nin o que rega son ninguén, senón Deus, que é quen fai medrar. 8Quen planta e rega veñen facer o mesmo, pero cadaquén levará a súa paga conforme ó seu traballo. 9Porque nós somos xornaleiros de Deus; e vós sodes o agro de Deus, edificio de Deus."

Para intentar contextualizar un pouco o comezo imos poñer un fragmento do capítulo IX do libro do Xénese, o primeiro do Antigo Testamento. Nel descríbese a chegada de Noé a terra tras o diluvio. 

Por se non vos lembrades ben, tamén vos meto un pequeno resumo.



1Deus bendiciu a Noé e ós seus fillos:
‑"Crecede, reproducídevos e enchede a terra. 2Que vos teñan respecto e medo os animais todos da terra e os paxaros do ceo. No voso poder están os réptiles todos da terra e os peixes do mar. 3Todo o que vive e se move serviravos para mantenza. Dóuvolo todo, como vos dei os vexetais. 4Mais non comeredes carne coa súa vida, quere dicir, co seu sangue. 5Tamén da vosa vida ‑do voso sangue‑ pedirei eu as contas. Pedireillas a todo home da vida do seu irmán. 6Quen mate un home, pola man de home morrerá, pois Deus fixo os homes conforme a súa imaxe. 7Reproducídevos, crecede, espalládevos pola terra e sometédea". 8Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos: 9‑"Vou establecer a miña alianza convosco e cos vosos descendentes, 10con todos os animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra. 11Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".


12E Deus engadiu: ‑"Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con todos os seres vivos que vos fan compaña, para todos os tempos: 13Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza entre min e a terra. 14Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, 15lembrarei a miña alianza convosco e con todos os seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida. 16Aparecerá o arco nas nubes e, ó velo, lembrarei a alianza perpetua entre Deus e todos os seres vivos". 17Deus aclaroulle a Noé: ‑"Este é o sinal da alianza que establezo entre min e canto ten vida na terra".

Pregunta: de qué vos sona a palabra "alianza" en misa?

domingo, 26 de novembro de 2017

Ler a Biblia.

Como vimos na entrada anterior sobre relixións, no mundo existen tres relixións consideradas “reveladas” ou “de libro”. Son a xudea, a cristiana e a islámica.

A xudea ten como libro revelado os que conocemos como “Antigo Testamento”, conocida polos xudeos como Torah, e o Talmud, unha serie de comentarios rabínicos. Lembrade que a relixión xudea ten a mesma orixe que a cristiana, se ben os xudeos non recoñeceron a Xesús como fillo de Deus.

A cristiá engádelle á Torah os libros escritos por varios dos apóstolos que acompañaron a Xesús e que describen a súa vida e evanxelización, xunto con cartas e historias dos apóstolos tras a partida de Xesús.

O Islam ten orixe no século VII, baséase no Corán e nas ensinanzas de Mahoma, quen dende logo lera tanto a Torah como a Biblia cristiana. O Islam considérase a si mesmo como un perfeccionamento do cristianismo, e presenta a Xesús como o último gran profeta antes de Mahoma, se ben non admite a súa divinidade.

Persoalmente invitaríavos a ler a Biblia, se ben tamén vos advirto que é un libro que debe lerse con coidado e evitando a interpretación literal. Nos derradeiros tempos xordiron en Estados Unidos multitude de Igrexas protestantes que afirman que o mundo non ten máis de 6.000 anos de idade e negan as teorías científicas máis probadas como as da evolución (incluso pretenden vetalas nas escolas), é o denominado “creacionismo”.

Cando les a Biblia tes que observar diferentes estilos e diferentes autores que escriben con distintos enfoques. Por outra parte é típico que empreguen expresións do momento, que empreguen regras mnemotécnicas como a repetición, que poden facer a lectura pesada, e tampouco podemos obviar que son textos traducidos, polo que algunhas expresións poden perderse ou variar o seu senso orixinal ao traducirse. Con todo, hai que ter en conta que a Biblia non fala á razón senon ao sentimento. Resulta en todo caso recomendable ler unha edición comentada e fixarse nos comentarios dos textos.

Acerca de cómo ler a Biblia, xa que os cristianos compartimos o Antigo Testamento cos xudeos, quería que vírades o seguinte video. Nel veremos un comentario efectuado polo rabí Menachem Mendel Schnersson (1902-1994), coñecido como “o Rebe de Lubavitch”, pertenecente á corrente hasídica (podería traducirse como “conservadora”) do xudaísmo actual. Moitas persoas de fe xudea dirixíanse a él en busca de consello, e tras a súa morte segue a ser considerado no xudaísmo como un grande sabio ao que aínda se lle piden orientación e intercesión nas alturas. No video ofrécenos unha regra de lectura e interpretación da Torah aplicable á vida diaria, o Al tikrí. Podería definirse como ler un texto aplicando varios puntos de vista para determinar o correcto. 


Se cadra agora poderíamos ler o que di a Biblia con respecto á Creación. Vos transcribo logo o capítulo I do libro do Xénese. Ledeo por enriba, sen pararvos moito. 


1No principio creou Deus o ceo e a terra.
2A terra era unha masa informe e baldeira, as tebras cubrían o abismo e un vento poderoso axitaba as augas.
3Mandou Deus que houbese luz, e houbo luz.
4Viu Deus que a luz era cousa boa e arredouna das tebras.
5A luz chamouna día e ás tebras chamounas noite. E con iso completouse o primeiro día da semana.
6Quixo Deus que houbese un espazo para arredar as augas das augas.
7E fixo un espazo, que arredaba as augas de enriba das de embaixo.
8O espazo rematado Deus chamouno ceo. E completouse o segundo día.
9Mandou Deus que se xuntasen as augas de embaixo nun lugar e que aparecese o chan enxoito. E así foi.
10O chan enxoito chamouno terra e ás augas xuntas, mares. E viu que estaba ben.
11Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente, conforme á súa especie. E así foi.
12A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben.
13E completouse o terceiro día.
14Mandou Deus que houbese luces no espazo para distinguir o día da noite, para dar sinal das festas, das estacións e dos anos,
15e para que, brillando no espazo, alumasen a terra. E así foi.
16Deus fixo dúas luminarias, a grande que rexe o día, a pequena que rexe a noite, e tamén as estrelas.
17Púxoas no espazo, para alumar a terra,
18para rexer o día e a noite e para distinguir a luz das tebras. E viu que estaba ben.
19E completouse o cuarto día.
20Quixo Deus que as augas fosen un fervedoiro de peixes e o espazo entre o ceo e a terra un voar de paxaros.
21E creou os monstros mariños, os moitos xéneros de peixes que referven nas augas e todas as sortes de paxaros. E parecéronlle ben.
22E bendiciunos deste xeito: Reproducídevos, crecede, enchede as augas do mar e que os paxaros medren na terra.
23E completouse o quinto día.
24Mandou Deus que a terra producise as varias especies de animais, os domésticos, os réptiles e as feras salvaxes. E así foi.
25Deus fixo as varias especies de feras salvaxes, animais domésticos, réptiles, e parecéronlle ben.
26Despois dixo Deus: ‑"Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza, e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra".
27E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, creouno varón e femia.
28E bendiciunos así: ‑"Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra".
29E díxolles aínda: ‑"Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e todas as árbores que dan froito coa súa propia semente: serviranvos para a mantenza".
30As feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza". E fíxose así.
31Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo. E completouse o sexto día.


Pregunta voluntaria: aplicando o principio de Al tikrí (non leas só deste xeito, lé tamén deste outro) visto no video anterior, cómo poderíamos entender esta pasaxe?

Por outra parte é innegable que a Biblia ten grande influenza na nosa historia e cultura. Sabedes que o libro do Éxodo recolle a historia de como os israelitas, guiados por Yahvéh e conducidos por Moisés, abandonaron a escravitude á que lle sometían os exipcios e percorreron o deserto ata chegar á terra prometida. Aquí tedes o trailer da derradeira película sobre esta historia. 



E aquí a pregunta obrigatoria: credes que o libro do Éxodo relata un feito histórico?


Deica o domingo que ven. 

Exame de conciencia.

Ola a todos. Esta é a entrada non obrigatoria desta semana. 

Hai moito que non facedes un exame de conciencia? Aquí tendes unha guía de cómo facelo mediante a canle Youtube de Reina de la Paz TV


Saúdos. 

sábado, 25 de novembro de 2017

Black Friday.

Ola a todos. 

Para mañá seguen vixentes as dúas entradas anteriores, é dicir, non hai máis que responder á pregunta sobre se rezades ou non. 

O que pasa é que teño agregado en Facebook a José Ignacio Munilla, bispo de San Sebastián, e estes días, a conta do Black Friday de onte, fixo a que considero a reflexión máis atinada sobre esta especie de celebración de cantas vin en redes sociais. 



Deica mañá.  

domingo, 12 de novembro de 2017

Conversos II: a historia de Pilar Soto.

Esta é a entrada NON obrigatoria da semana. 

Non creo que vós conocérades a Pilar Soto, en todo caso extráname que non lle sone aos vosos pais. Pilar Soto foi actriz de series como "Al salir de clase" e presentadora de programas como o concurso "Grand Prix". 

Sendo moi nova, atractiva e intelixente, Pilar xa conocera a popularidade e o éxito profesional a un grande nivel e levaba unha vida de luxos, todo o cal non quitaba de que tiña problemas sen resolver dende a adolescencia que lle levaron a unha bulimia que a deixou pesando quince quilos. Foi nese intre, enfrontando xa a morte cara a cara, cando pasou por unha conversión. 

Con posteriorirdade pensou en tomar os hábitos de monxa clarisa, pero finalmente fíxose franciscana segrar. 

Dende aquela Pilar está volcada coa relixión católica e non costa atopar en Internet testimonios seus sobre a súa conversión e a súa nova vida. Aquí tendes un. 


Tamén podedes ler o seu libro "Conversión", no que relata máis pormenorizadamente o proceso polo que pasou ata o día de hoxe. Facendo unha busca en Youtube é fácil atopar a conferencia de presentación deste libro. 

Saúdos. 

Oración.

Unha das principais características do ser humano é a súa capacidade comunicativa. O ser humano comunícase constantemente, sendo a linguaxe o seu principal medio para facelo.

Dentro dun mesmo idioma temos varias linguaxes: técnica, popular, poética... tamén temos a relixiosa.

Dentro da linguaxe relixiosa temos dúas grandes liñas: falar de Deus e falar con Deus. 

Falar de Deus sería "emitir doctrina". Supoño que é o que fago con vós no catecismo.

Falar con Deus é persoal, empregamos símbolos como o xesto de persignarnos, e recitamos oracións, normalmente clasificadas como de alabanza, petición ou acción de grazas.




Baixo este punto de vista creo que tamén poderíamos clasificar como oración a música gospel, os cantos espirituais negros popularizados nas igrexas de Alabama na década de 1930. Un deles, aquí versioneado por Bruce Springsteen, é o famoso "We shall overcome". Esta canción tivo mesmo unha versión en galego, titulada "Venceremos nós", que foi interpretada por Luis Olivares.




Unha oración que sempre me gustou foi a de San Bernardo.

Lembrade,
Oh, piadosísima Virxe María,
que nunca se escoitou decir que ningún dos que acudiron á túa protección,
implorando a túa asistencia e reclamando o teu socorro
fora abandoado por ti.
Animado por esta confianza a ti tamén acudo oh, nai das virxes,
e aínda que xemendo baixo o peso dos meus pecados,
atrévome a comparecer ante a túa presenza soberana.
Non rexeites as miñas humildes súplicas
oh, nai do verbo divino.
Antes ben, escoitaas e acolleas benignamente.


Podemos ver de seguido unha oración islámica:


"O home é pequeno ante Allah. É pequeno cando está de pe, pequeno cando camiña, pequeno cando traballa, pois daquela a materia domínalle. Pero o home é grande cando está prostrado, pois logo o seu espíritu elévase máis aló dos mundos descoñecidos, elévase cara ao ceo".


Do Antigo Testamento podemos ler tamén o Salmo 63.

SALMO 63 (62)
Saudade infinita

1 Salmode David. Cando se encontraba no deserto de Xudá.
2 Deus, meu Deus, por ti madrugo, de ti ten sede a miña alma; por ti devece o meu corpo, en terra reseca, sedento e sen auga.
3 Miro cara a ti no santuario, para ver o teu poder e a túa gloria.
4 O teu amor é mellor cá vida, lóante os meus labios;
5 toda a miña vida te bendigo e levanto no teu nome as miñas mans.
6 Como de graxa e manteiga, estou satisfeito, con labios alegres lóate a miña boca.
7 No leito relémbrote, nas vixilias da noite penso en ti.
8 Ti es o meu auxilio, á sombra das túas ás estou contento;
9 a ti está unida a miña alma, a túa dereita é o meu apoio.
10 Os que queren a miña ruína baixarán ó profundo da terra;
11 caerán ó fío da espada, serán ración dos chacais.
12 En Deus alégrase o rei, gloríanse os que xuran no seu nome, mentres pechan a boca os mentireiros.


Conocedes o Rosario? Aquí tedes unha explicación moi detallada de cómo rezalo.

E aquí tedes máis oracións católicas.

E agora a pregunta: Por qué rezades? E, se non rezades, por qué non rezades?


Boa semana.

domingo, 5 de novembro de 2017

Un pequeno e pálido punto azul.

A entrada anterior é a que tedes que traer comentada, esta outra é de carácter voluntario, pero vos invito a mirala, o video dura apenas tres minutos.

Se cadra non estaría de máis que buscárades en Internet o libro “Cosmos”, do astrónomo norteamericano Carl Sagan. Este libro dou orixe a unha serie de televisión tamén chamada “Cosmos”, emitida nos anos 80 e onde Carl era o propio presentador e analizaba as incógnitas e descubrimentos científicos do Universo. Era unha serie marabillosa, se ben vista na actualidade pode parecer visualmente pobre, e dendo logo vai quedando desfasada a medida que progresan os descubrimentos científicos.

Carl Sagan tamén traballaba na NASA, e unha das cousas que obtivo alí foi unha foto, a máis lonxana que nunca se obtivo do noso planeta, dende a nave Voyager, a 6.000 millóns de kilómetros de distancia. A Terra enteira vese únicamente como un pequeno e pálido punto azul na inmensidade do espazo.

Se simplemente buscades en Google "pálido punto azul" atoparedes a imaxe con completa resolución. 

Sobre esta foto, Carl fixo unha reflexión emitida na serie que comparto con vós. Son apenas catro minutos, por favor, mirádea e a comentamos na catequese. 



Feliz semana.  

Diferentes relixións.


A estas alturas xa debérades saber que existen varias relixións, se cadra moitas.

O feito de profesar unha relixión é un fenómeno común ao xénero humano. Do mesmo xeito que todas as culturas adoptan unha lingua, unha organización social determinada e un código de comportamento, todos os pobos históricos sen excepción adoptaron un código relixioso. Vexamos algúns destes códigos.


Xudaísmo: relixión monoteísta fundada por Abram. Segue un texto sagrado revelado antiquísimo chamado a Torah, e unha serie de comentarios rabínicos denominado Talmud, escritos en torno ao século II. A Torah consiste nos primeiros libros da Biblia, que comparte co cristianismo. A principal diferenza entre xudeus e cristiáns consiste en que os primeiros non recoñecen a Cristo como fillo de Deus e salvador. Ao respecto son chamativas as palabras de Xoán 5:43 “Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese habedes de  recibilo.”



Cristianismo: os xudeus non recoñeceron a Xesús, pero quenes si o fixeron (entre eles moitos xudeus da época) foron xa coñecidos como cristiáns. O cristianismo comparte como libro sagrado a Torah xudía (coñecida agora como Antigo Testamento), e un segundo bloque formado polos evanxeos dalgún dos apóstoles de Xesús, os feitos do seu apostolado e cartas dos apóstolos xunto do libro da Apocalipse, que conforman o Novo Testamento. No xudaísmo hai diferentes correntes e no cristianismo tamén, fundamentalmente a rama protestante, subdividida en multitude de igrexas.



Islam: considerase a si mesma esta relixión como unha perfección do cristianismo. Ten como libro sagrado o Corán, en principio tamén oral e posto por escrito polos sucesores de Mahoma en torno ao século VII. O seu Deus é o mesmo que o de xudeus e cristiáns, pero non recoñece a Cristo senon como profeta (o último previo a Mahoma), e nega a súa divinidade, a súa morte e dende logo a súa resurrección.


Hinduísmo: esta relixión non foi fundada por ninguén. Posúe varios textos sagrados e é politeísta, contando con varios millóns de deuses. Non cre en ceo nin en inferno, senon nun proceso denominado karma, que vai sometendo ao home a diferentes probas ao longo de multitude de reencarnacións (sucesivos nacementos da mesma alma en diferentes corpos e incluso animais) nos que a alma enfróntase ao mal que ela mesma ten creado, e que non se deteñen ata que a alma acada unha vida completamente libre de egoísmos e fallos, intre no que rompe a roda das sucesivas reencarnacións.


Budismo: Esta relixión coñece un auxe novo. Non fala exactamente dun deus, polo que debíamos entendela como unha relixión non teísta. Basease nas ensinanzas de Siddharta Gautama, tamén coñecido como Buda. Comparte as ideas de reencarnación e karma co hinduísmo. Foi bastante promocionada últimamente ao ser abrazada por varios famosos, fundamentalmente estrelas de Hollywood.



Podedes ver máis sobre outras relixións nesta ligazón. 

Contestade polo menos a dúas das preguntas que poño de seguido:

Qué diferenzas atopades entre as relixións vistas ata agora? Coñecedes xentes que profesen algunha relixión distinta da católica? Se é así, cómo pensades que viven a relixión? Vós mesmos, se poiderades escoller, teríades escollido ter nacido baixo outra relixión ou seguiriades a ser católicos? Credes que unha relixión explica o Universo, a vida ou a túa presenza neste mundo?



martes, 31 de outubro de 2017

Conversos I: Jim Caviezel.

Ola de novo. 

Ao longo das semanas irei guindando, aparte da entrada obrigatoria con pregunta a contestar (neste caso a publicada anteriormente) unha entrada de visualización voluntaria, que se queredes podemos comentar en catequese. Entre elas podo ir poñendo algunhas entrevistas a conversos. 

Hoxe quería poñervos, insisto que por se queredes velas voluntariamente, algunhas palabras de Jim Caviezel. Jim é un grande actor que nunca máis foi chamado por Hollywood tras interpretar "A Paixón de Cristo" de Mel Gibson. Antes diso era considerado unha estrela con gran progresión, e lembro del con moito agarimo as preciosas imaxes da súa interpretación do soldado Witt na gran película "The thin red line", dirixida por Terrence Malick en 1998. Os extractos que vos poño agora non ten nin subtítulos, pero visualmente son irreprochables. 


Con posterioridade a esta película Jim iniciou, por medio da súa muller, un proceso de conversión que lle levou a ser o actor máis recoñecido polo seu catolicismo militante, impartindo conferencias e dando constante testemuña da súa relixiosidade. 

Aquí tendes un pequeno extracto dunha das súas conferencias. É moi claro. Simplemente di que Deus fálate. 


Se queredes ver a conferencia enteira, aquí a tendes. 


E, como escribindo isto lembreime das cancións do coro melanesio "Choir of all saints" de Honiara, que forman parte da banda sonora de "The thin red line", ocorreuseme poñelas a ver se vos gustaba. A min encántame. E por certo que son música relixiosa. 


Feliz semana. 

domingo, 29 de outubro de 2017

Comezamos.

Ola a todos.

Como xa sabedes os que empezástedes o catecismo, este será o medio polo cal vou poñerme en contacto con vós. Para cada día vouvos poñer un texto. Vos o leredes e contestaredes a pregunta que vos faga (será unha pregunta moi clara marcada en negrita para distinguila e situada ao final da entrada) nun papeliño que me traeredes á catequese. Así controlarei que ledes o que vos pido e que asistides.


Non quero que escribades no blogue xa que sodes menores. Basta con que me traiades o papeliño cada domingo. Se algún domingo non podo acudir procurarei avisar por este mesmo blogue.


Acerca do que imos tratar, pois será un percorrido pola historia bíblica e polo significado da mesma para cada ser humano. Invítovos a que a vaiades lendo e percorrendo conmigo, e a que atopedes a clave desta historia. En realidade parécese un pouco á busca dun tesouro.


Pode ser que algún de vós pense que o que imos tratar non é significativo, que non ten nada que ver co mundo real. A miña pregunta en tal caso sería, qué é o mundo real?


Gustábame moito de rapaz facer deportes de contacto coa Natureza. Por se non o sabíades a Natureza pode chegar a ser extremadamente cruel. Se non coñecedes as avespas do xénero Pompilidae, ler sobre elas e o que lle fan ás súas presas é bastante desasosegante. 

Os homes non vivimos en plena Natureza, senon en sociedades. Ben, o primeiro valor que ten esta sociedade é ese tan famoso de "tanto tés, tanto vales". Posiblemente notedes unha grande diferenza coa valoración que tes na familia, xa que na familia es valorado por quén es e non polo que tes. Cando saiades ao mundo veredes que, efectivamente, moita xente é valorada polo que ten. Quere eso decir que ese xuízo sexa correcto? Acaso non sodes ninguén se non triunfades?

Un persoaxe que foi moi recoñecido, mesmo popular entre os seus, e que en realidade o que mellor sabía facer era aproveitarse do seu cargo e de quenes lle rodeaban. Dos que eran os seus amigos ningún quere saber nada máis de el. 

Cando vaiades medrando veredes que moitas cousas que agora valorades irán quedando no camiño: amizades, lealdades que mantendes dende pequenos, xente á que admirábades... serán capaces de traizoar a vosa boa fe e aproveitarse de vós en beneficio propio. Cando tal cousa vos suceda, non desesperedes nin fagades un drama, sucedeulle a case todo o mundo. Madurar tamén significa tomar con calma eses tragos amargos. 

A medida que pase o tempo iredes atopando novos desafíos: licores presuntamente saludables, propaganda de tabaco, drogas que posiblemente alguén vos invite a consumir para que sexades máis homes ou máis mulleres. Son señuelos cos que seguramente seredes tentados, pero son señuelos que poden dar moita dor se lles metedes un bocado. 

Algunhas comisarías norteamericanas publicaron fotos dos sucesivos arrestos de drogadictos, nos que se observa o deterioro físico, case tan terrible como o mental, que as drogas producen nos que as empregan. Todas as fotos anteriores pertenecen á mesma persoa. 

Se vedes as televisións ou a prensa estes días extranos, parecerá en ocasións ter chegado de novo a tempos escuros e medievais. Veredes a xente reclamando morte e destrución para dar gloria ao seu deus. Non lles fagades caso. Nin siquera lles interesa a relixión, os que fan esas atrocidades non o fan por relixión, fanno por ter cartos, armas e escravos. 

Din que pelexan por Deus. Tende por certo que Deus pediralles conta dos seus actos. 

Posiblemente vexades ridiculizada á relixión, aos seus sacerdotes, á idea mesma de ser crente. Paradoxalmente, as mesmas persoas ou medios que fan tales declaracións acostumbran a publicar entrevistas e textos de presuntos espiritualistas, xentes de cultura xeralmente pobre que soltan anaquiños de "sabiduría" (moitas veces buscadas presuntamente en Oriente e outros destiños exóticos) que non serven absolutamente para nada nin teñen valor espiritual ningún. Entre estes excéntricos os máis destacados serían Paulo Coelho e Alejandro Jodorowsky, magníficos vendedores de crecepelos. 



Ben, teño unha nova para vós: da igual o que a sociedade pense de vós, da igual se non sodes ricos nen saídes no Marca, da igual con quén andedes ou as dificultades que atopedes no voso camiño, sodes seres extraordinarios que un día veredes o infinito cos vosos propios ollos, e será o máis grandioso que teredes visto nunca. En realidade vivides non en Matrix, pero si nunha Matrix, nun programa complexo pero extremadamente débil, que case sempre odia a quenes rexeitan os seus principios, porque, consciente da súa fraxilidade, ten medo deles.



Eso non quere decir que teñades que renunciar á vida, pero si que podedes ser capitáns do voso destiño e non facer o que os demáis pretendan impoñervos. Podedes ser libres, e iso nunha sociedade como esta pode ter un alto prezo, pero se alguén manda sobre vós será porque vós llo permitides. Vivir seguindo as recomendacións que iremos vendo pode ser un camiño extremadamente duro, pero non é menos duro seguir ese camiño pola túa conta (tede por suposto que os máis grandes criminales choran sen excepción a primeira noite que pasan na cadea e que sufren polos seus delitos), e que aparte se segues as recomendacións que ti mesmo poderás encontrar na doctrina poderás atopar insólitos aliados. 

Conócevos a todos polo voso nome. Por qué no probades a entregarlle os vosos problemas?

Ben, iremos vendo cómo Deus encargouse de ir reparando a senda do home dende o momento da súa caída, e de cómo se foi imbricando nunha historia humana, que, contrariamente á crencia xeral, non é allea a Deus. Non podo decirvos as cousas que tendes que facer nin as decisións que tedes que tomar, pero si que vos podo ofrecer algunha mediciña. Tomala ou non, como na película, depende de vós. 




Así pois, fágovos unha pregunta: Sodes cristiáns? E, se sodes cristiáns, por qué sodes cristiáns? 

luns, 13 de marzo de 2017

Lifeteen.

Teño que deixar isto aquí, trátase da ligazón á páxina de Lifeteen, unha organización de catequistas. Se te interesa, bótalle un ollo.