domingo, 5 de novembro de 2017

Diferentes relixións.


A estas alturas xa debérades saber que existen varias relixións, se cadra moitas.

O feito de profesar unha relixión é un fenómeno común ao xénero humano. Do mesmo xeito que todas as culturas adoptan unha lingua, unha organización social determinada e un código de comportamento, todos os pobos históricos sen excepción adoptaron un código relixioso. Vexamos algúns destes códigos.


Xudaísmo: relixión monoteísta fundada por Abram. Segue un texto sagrado revelado antiquísimo chamado a Torah, e unha serie de comentarios rabínicos denominado Talmud, escritos en torno ao século II. A Torah consiste nos primeiros libros da Biblia, que comparte co cristianismo. A principal diferenza entre xudeus e cristiáns consiste en que os primeiros non recoñecen a Cristo como fillo de Deus e salvador. Ao respecto son chamativas as palabras de Xoán 5:43 “Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese habedes de  recibilo.”



Cristianismo: os xudeus non recoñeceron a Xesús, pero quenes si o fixeron (entre eles moitos xudeus da época) foron xa coñecidos como cristiáns. O cristianismo comparte como libro sagrado a Torah xudía (coñecida agora como Antigo Testamento), e un segundo bloque formado polos evanxeos dalgún dos apóstoles de Xesús, os feitos do seu apostolado e cartas dos apóstolos xunto do libro da Apocalipse, que conforman o Novo Testamento. No xudaísmo hai diferentes correntes e no cristianismo tamén, fundamentalmente a rama protestante, subdividida en multitude de igrexas.



Islam: considerase a si mesma esta relixión como unha perfección do cristianismo. Ten como libro sagrado o Corán, en principio tamén oral e posto por escrito polos sucesores de Mahoma en torno ao século VII. O seu Deus é o mesmo que o de xudeus e cristiáns, pero non recoñece a Cristo senon como profeta (o último previo a Mahoma), e nega a súa divinidade, a súa morte e dende logo a súa resurrección.


Hinduísmo: esta relixión non foi fundada por ninguén. Posúe varios textos sagrados e é politeísta, contando con varios millóns de deuses. Non cre en ceo nin en inferno, senon nun proceso denominado karma, que vai sometendo ao home a diferentes probas ao longo de multitude de reencarnacións (sucesivos nacementos da mesma alma en diferentes corpos e incluso animais) nos que a alma enfróntase ao mal que ela mesma ten creado, e que non se deteñen ata que a alma acada unha vida completamente libre de egoísmos e fallos, intre no que rompe a roda das sucesivas reencarnacións.


Budismo: Esta relixión coñece un auxe novo. Non fala exactamente dun deus, polo que debíamos entendela como unha relixión non teísta. Basease nas ensinanzas de Siddharta Gautama, tamén coñecido como Buda. Comparte as ideas de reencarnación e karma co hinduísmo. Foi bastante promocionada últimamente ao ser abrazada por varios famosos, fundamentalmente estrelas de Hollywood.



Podedes ver máis sobre outras relixións nesta ligazón. 

Contestade polo menos a dúas das preguntas que poño de seguido:

Qué diferenzas atopades entre as relixións vistas ata agora? Coñecedes xentes que profesen algunha relixión distinta da católica? Se é así, cómo pensades que viven a relixión? Vós mesmos, se poiderades escoller, teríades escollido ter nacido baixo outra relixión ou seguiriades a ser católicos? Credes que unha relixión explica o Universo, a vida ou a túa presenza neste mundo?



Ningún comentario:

Publicar un comentario