Xa unhas
décadas antes do nacemento de Xesús, Palestina vivía nunha situación de espera
da intervención de Deus, da chegada do Mesías.
Foi un
tempo no que se suscitaron varios movementos relixiosos. Como xa comentáramos,
Xesús dirixiuse ao de San Xoán Bautista, que anunciaba a chegada do xuízo de
Deus e impartía o bautismo como signo de arrepentimento e conversión, sendo o
propio Xesús bautizado.
O evanxeo
de Xoán describe que Xesús estivo no grupo de Xoán, ata que chegado un intre
toma o seu propio camiño, posiblemente tras descubrir un novo xeito de valorar
o intre histórico e a actuación de Deus.
No capítulo
XIII de Mateo, Xesús fala en diferentes versículos do Reino.
31E contoulles outra parábola:
‑O Reino dos Ceos é semellante a un gran
de mostaza que un home sementou na súa horta. 32A mostaza vén sendo a máis
pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca
todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os
paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
33Díxolles outra parábola:
‑O Reino dos Ceos é semellante ó fermento
que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
34Todo isto lle falou Xesús en parábolas á
xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. 35De xeito que se
cumprise o que dixera o profeta:
Abrirei a miña boca para dicir parábolas,
proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
44O Reino dos Ceos é semellante a un
tesouro agachado nunha leira: o home que o atopou vólveo a agachar; e, cheo de
alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.
45Tamén se parece o Reino dos Ceos a un
tratante de perlas finas:
46en atopando unha de grande valor, foi vender canto
tiña e mercouna.
Máis que
centrarse na inminencia do xuízo de Deus, como facía Xoán, Xesús proclama a
chegada do Reino de Deus como "gracia" e "boa nova"
("evanxeo", en grego). Se ben continúa coa compoñente de xuízo, a boa
nova incide na graza, e na salvación ofrecida a todos sen excepción. Reclámase
a "metanoia", traducible como "penitencia", pero tamén como
"cambio de mentalidade".
A chegada do Reino de Deus convírtese logo nun elemento clave da predicación de Xesús.
Qué pensades vós que é o Reino de Deus?
Feliz semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario