domingo, 18 de marzo de 2018

Os discípulos de Xesús.

Cando leades no Novo Testamento, debedes estar atentos a dous tipos de discurso: as palabras (normalmente expresadas con parábolas) e os feitos (curación de enfermos, actos sobre as forzas da Natureza, expulsión de demos) que son coherentes coas palabras anteriores, cos que demostra o seu sometemento á autoridade do Pai e que nunca fai Xesus en beneficio propio. 



Xesús pronto deixou de estar só e arrodeouse de discípulos, con iso daba contido á súa promesa do Reino de Deus como obxectivo comunitario. 



Un destes discípulos foi Mateo. Mateo era publicano, é dicir, recaudador de impostos. Os publicanos eran xentes polo común corruptas que cobraban máis impostos dos marcados pola lei para embolsarse a diferencia, e algúns amasaban fortunas astronómicas, a pesar do cal eran rexeitados e desprezados polo resto dos xudeos. Cabe supoñer que Mateo tiña polo menos certa formación intelectual, pero simplemente o xeito de que Xesús se xuntara cun publicano era motivo de escándalo. A isto respondía Xesús que os sanos non precisan médico, pero si os enfermos, e así él ía buscar polos pecadores e non polos santos. Mateo foi un dos seus principais discípulos, e redactor dun dos evanxeos que compoñen o Novo Testamento. 


Nada tiña Mateo que ver co caso de Pedro. De Pedro sabemos que era de oficio pescador, e podemos supoñer con moitas razóns que era un home iletrado, recio, e posiblemente moi basto. Pero en moitas pasaxes dos evanxeos podemos apreciar o amor puro que Pedro sentía por Xesús. Se cadra unha das pasaxes onde mellor se advirte é precisamente no evanxeo de Mateo, no capítulo 17, onde se mostra a famosa escena da transfiguración. 

1Seis días despois colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto. 2Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. 3Nisto apareceron Moisés e mais Elías falando con el. 4Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
‑¡Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
5E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo:
‑Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.
6O escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. 7Xesús achegándose, tocounos e díxolles:
‑¡Erguédevos, non teñades medo!
8E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
9Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
‑Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.


E agora que chegamos aquí, tres preguntas: 

Por qué pensades que Xesús escolleu discípulos?
Por qué pensades que escolleu precisamente a persoas como Mateo e Pedro?
Qué pensades que é preciso hoxe en día para ser discípulo de Xesús?

Feliz semana. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario