domingo, 25 de febreiro de 2018

Xesús de Nazaret.



Deixamos definitivamente o Antigo Testamento para entrar no Novo. 


A parte do Novo Testamento correspóndese case por completo coa predicación e os feitos de Xesús, se ben tamén incorpora os feitos e prédicas dos apóstolos tras a partida de Xesús, cartas dirixidas polos apóstolos ás comunidades cristiás primitivas e o libro do Apocalipse. 


Soamente vos faría unha pregunta: qué sabedes exactamente de Xesús?

Pídovos que reflexionedes un pouco na pregunta: pensástedes en cómo foi a súa infancia, en qué tipo de sociedade e tempo viveu, con quén se xuntaba, a quén se enfrentou, e o máis importante, o que intentaba decir e por qué medios o fixo?

Feliz semana.  

Conversos VII: Infinito +1.

Non sei se conocedes a Juan Manuel Cotelo. É un xornalista,distribuidor, produtor e director de películas madrileño (con ese apelido non sei se preguntarlle se os seus pais veñen de Bergantiños como un día mo presenten) que actualmente reside en Valencia. 

No ano 2008 fundou a produtora e distribuidora Infinito+1. Con ela fixo a película "La última cima", sobre a vida do sacerdote madrileño Pablo Domínguez Prieto. 



Poderíamos decir que Juan Manuel é outro converso. No seguinte video aporta a súa testemuña. 



Tras unha serie e un disco, realizou a película "Tierra de María". Non a subín eu, xa estaba na canle de gloria.tv, se vale para que nos preocupemos máis pola súa obra pode estar ben.

A película está estruturada como un documental con entrevistas a diferentes persoas que teñen algo en común, unha conversión radical e profunda, un cambio absoluto de vida. Se as semanas anteriores funvos poñendo videos de conversos, esta película sería como un festival da conversión: un empresario anticatólico que percorre países solicitando que se consagren aos corazóns de Xesús e María, un cirurxano abortista que abandona todo para abrir unha clínica para persoas sen recursos, unha cotizada bailarina de Las Vegas agora paralizada que te invita a ser agradecido con Xesús... todos contan historias insólitas de cambios radicais dos que non se arrepinten. 

Con vós Juan Manuel Cotelo no papel de investigador, na película Tierra de María. 



domingo, 18 de febreiro de 2018

Conversos VI: A historia de María Vallejo Nágera.

Agora vos deixo unha conferencia da escritora María Vallejo Nágera. 

María Vallejo Nágera foi filla do psiquiatra Juan Antonio Vallejo Nágera. Na súa xuventude fóra modelo, casara cun enxeñeiro español que traballaba en Londres nas finanzas da City, e escribira algún libro. Dun xeito bastante sorprendente para ela mesma atopouse indo de viaxe a Medjugorje, onde unha iluminación do Espíritu Santo levouna a unha conversión tumbativa, ao estilo de San Pablo. Dende aquela modificou toda a súa vida e adícase a dar conferencias sobre a súa conversión e escribe libros de temática católica. 

Como di moitas cousas no vos comento máis, se ben vos recomendo que o vexades. 

Saúdos.

O Novo Testamento ou Nova Alianza.


Aínda que o Antigo Testamento é bastante máis amplo que o que temos visto ata agora, imos dar un salto sobre o resto dos seus libros para colocarnos xa na vida de Xesús, o Novo Testamento. Hai unhas cantas peculiaridades máis sobre estes libros. 


San Xoan Evanxelista. 


O Novo Testamento foi escrito cara a segunda metade do Século I. Neste momento xa comezaban a desaparecer os testigos directos da vida de Xesús, o que seguramente motivou aos redactores a poñer por escrito as súas vivencias. Por outra banda as comunidades cristiás eran aínda moi débiles e inseguras, polo que a posesión de textos de referencia podería ter para elas inestimable valor. No que atinxe aos seus valores vitais, estas persoas tiñan en alta estima a honra, entendida ésta como a imaxe que os demáis teñen de cada un, as diferenzas sociais eran tan tremendas como insalvables e existía unha grande rivalidade entre o agro e a urbe, que vivían de xeitos completamente distintos. Na Xudea do I século algunhas das cidades estaban moi influenciadas pola cultura grega, e mantiñan incluso tendencias prorromanas, en grande contradicción con Xerusalén, que sendo a capital do mundo hebreo era tamén o centro do xudaísmo radical. 

O Israel do Século I era un lugar cheo de tensión irresolubles, que acabaron por estalar en varias guerras xudeorromanas a partir do 66 d.C. 

Asedio romano a Masada nos anos 72-73. 

Agora ben, se lemos uns textos dirixidos a persoas que viviron hai milenios en circunstancias históricas ben distintas, pode haber matices importantes que non poden pasarse por alto. 

Dende este punto de vista teremos varios planos de lectura: o primeiro sería o noso, somos xentes do Século XXI que empregamos Internet. O segundo o do evanxelista que emprega pergaminos e diríxese a un público moi concreto. Finalmente estaría o plano de Xesús, orixe desas tradicións transmitidas e reelaboradas. 

Con todo os párrafos anteriores casan bastante ben co escrito no Novo Testamento. É precisamente nese contexto de grandes tensións no que cobran máis vixencia as palabras e os feitos de Xesús, que terminan por adquirir grande senso relixioso, e tamén moral e social.

Sabemos de Xesús que viveu durante anos en Nazaret, e que parteu a unha busca relixiosa entroncada coas súas raíces xudeas que lle levou primeiro onde Xoán o Bautista, para independizarse del algún tempo despois. Xesús fala para diferentes públicos, sobre todo faino en parábolas, o que facilita a súa memorización e lle da un carácter moi plástico.

A clave do Novo Testamento está no relato da prédica e dos feitos de Xesús. 


Pero aínda así sucede que os  cando os evanxelistas escriben sobre él fano para un público ansioso, pois eles, e se cadra Xesús tamén, estaban convencidos da inminencia da nova chegada de Xesús e do reino de Deus. Logo, os evanxelistas comezan por presentar algúns datos da vida de Xesús, pero ao propio tempo escreben para comunidades distintas (hebreos, romanos, gregos, incluso galos) e intentan presentar a Xesús dun xeito adecuado para o público ao que se dirixen. Francamente, a veces penso que a min mesmo sucédeme algo semellante. 

Mateo diríxese máis aos cristiáns que veñen do xudaísmo, presentando a Xesús como o Mesías prometido co que se perfecciona a Nova Alianza. Marcos diríxese aos cristiáns que veñen do paganismo, interésase polo carácter de Mesías e Fillo de Deus, e céntrase máis nos feitos e no camiño da cruz. Lucas ten máis preocupación pola datación e o método histórico. O de Xoán é un evanxelio moi didáctico, filosófico e espiritual, preocupado ao tempo pola divinidade e a humanidade de Xesús, con moitos discursos e a converxencia final no mandamento do amor fraterno.

E agora a pregunta: qué libros compoñen o Novo Testamento? 

sábado, 3 de febreiro de 2018

Este domingo 4 de febreiro non vou.

Non me atopo nada ben, quedarei en cama, que parece que ando con gripe.

Quedan para a semana os exercicios.

Saúdos. 

domingo, 28 de xaneiro de 2018

A alianza continúa: a historia de Moisés.


Ata agora vimos as Alianzas establecidas por Deus: a primeira con Noé e a segunda con Abram. 

Únicamente mencionaremos aquí que Moisés foi o libertador da escravitude que os hebreos sufrían a cargo dos exipcios, tomando aos hebreos para atravesar o deserto durante 40 anos e finalmente entregarlles a terra prometida. Todo isto está relatado no libro do Xénese e debía soarvos. Se non é así podemos comentalo na catequese. 




Unha vez fóra de Exipto, os israelitas chegaron ao monte Sinaí, onde se produce a pasaxe relatada no capítulo XIX. 

1O día en que se cumprían os tres meses da saída dos israelitas de Exipto, chegaron ó deserto do Sinaí. 2Procedentes de Refidim, chegaron ó deserto do Sinaí e acamparon alí, ó pé do monte. 3Moisés subiu ó encontro de Deus, e o Señor chamouno desde a montaña, para mandarlle dicir ós descendentes de Xacob, comunicarlles ós israelitas: 4‑"Vistes como tratei ós exipcios, como vos levantei a vós sobre ás de aguia e vos acheguei a min. 5Se agora me obedecedes e gardades a miña alianza, seredes a miña propiedade escolleita entre todos os pobos, pois a terra é toda miña. 6Vós seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado. Isto é o que lles has dicir ós israelitas".
7Moisés foi chamar os anciáns de Israel, para exporlles as palabras que lle mandara o Señor. 8O pobo todo a unha respondeu: ‑"Faremos todo o que dixo o Señor". Moisés volveu onda o Señor coas palabras do pobo. 9O Señor díxolle a Moisés: ‑"Voume acercar a ti na mesta nube, para que o pobo oia como falo contigo e para que en diante crea en ti". Moisés levoulle ó Señor a resposta do pobo.

Como lestedes antes, a Alianza con Abram fóra elaborada cun rito. Agora a confirmación da Alianza vaise efectuar dun xeito moito máis elaborado. 

Moisés comeza por recibir os mandamentos e o código da Alianza (disposicións legais que regulan a vida en común dos israelitas), o que supón que a aceptación da Alianza e aceptar a protección e guía de Deus cara á terra prometida require unha contrapartida. Agora ben, esa contrapartida non supón unha adoración especial senon un comportamento de hirmandade (non mentir, non roubar, non matar) entre os membros do pobo de Israel. Isto si supón unha novidade. Pero aínda máis, se nos anteriores casos a Alianza quedaba como unha declaración de Deus, agora supoñerá unha complicada elaboración por parte dos hebreos. 



3Moisés veu e expúxolle ó pobo as palabras do Señor e as súas decisións, e o pobo a unha respondeu: ‑"Faremos todo o que dixo o Señor". 4Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
O día seguinte Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. 5Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ó Señor. 6Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade asperxeuna no altar. 7Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ó pobo. Este respondeu: ‑"Faremos todo o que dixo o Señor, e obedeceremos". 8Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu ó pobo con el, dicindo: ‑"Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme as palabras lidas".
9Moisés, Aharón, Nadab, Abihú e setenta anciáns de Israel subiron á montaña 10e viron ó Deus de Israel. Debaixo dos seus pés había coma un pavimento de zafiro, limpo coma o mesmo ceo. 11Deus non alongou a man contra os escolleitos de Israel, que puideron ver a Deus. Despois comeron e beberon.
12O Señor díxolle a Moisés: ‑"Sube á montaña e queda onda min. Dareiche as táboas de pedra coa lei e cos mandamentos que escribín, para que llos ensines ó pobo".


A día de hoxe esta data segue conmemorándose na nación de Israel como Shavuot (Pentecostés) e para eles significa a entrega da Torah (lei de Deus) e a liberación espiritual nacional, en contraposición coa festa da Pascua (Pésaj) que conmemora a liberación política de Exipto. 


Quixera logo que me respondérades o que entendedes por "Holocausto" e por "sacrificios de comunión". 

Feliz semana. 

Conversos V: a historia do Padre Quique.

Non sabía si poñer este video para rapaces, pero é que pártome véndoo cos disparates que conta o Padre Quique, ou Enrique Cabrera, de San Blas (Madrid).

O Padre Quique naceu nunha familia de tradición atea, e él mesmo foi un ateo militante durante case toda a súa xuventude. No vídeo relata cómo acabou facéndose cura, nada menos, e considero que é unha testemuña fantástica. 


Saúdos e feliz semana.