domingo, 20 de maio de 2018

Pentecostés.

O pasado domingo 13 de maio, que non vin por culpa do da pelota de Baio, celebrouse a ascensión aos ceos de Xesús. Por certo, que este domingo a Ascensión coincidía co 101 aniversario das aparicións de Fátima. 

A Ascensión sucede tras un período de 40 días tras a Resurrección, no que Xesús segue a aparecerse aos seus discípulos (se ben cun corpo distinto, como xa viramos) se ben non engade moito máis á doctrina que predicara, máis ben fai como unha confirmación de todo o que antes dixera, recalcando aos discípulos a importancia da fe. 

E, moi importante, fai a promesa dun consolador: retomamos o capítulo 24 de San Lucas.

36Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles Xesús no medio e díxolles:

‑¡A paz sexa convosco!
37Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. 38Pero el díxolles:
‑¿Por que estades asustados, e a que veñen esas dúbidas? 39Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
40E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés. 41Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
‑¿Tedes por aí algo que comer?
42Déronlle un anaco de peixe asado. 43El colleuno e comeuno diante deles. 44Logo díxolles:
‑A isto referíame eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
45E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. 46E engadiu:
‑Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, 47e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. 48Vós seredes testemuñas de todo isto. 49E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.Así, Xesús pasa todavía 40 días na Terra ata que se despide, ascendendo aos ceos nunha paraxe cerca de Betania, ante os seus discípulos, que regresan a Xerusalén.

Os discípulos permanecen reunidos e en oración ata o día de Pentecostés, na mesma sala na que Xesús instaurara a Eucaristía o día da Cea. É o día da festa das colleitas ou das primicias. O seguinte video relata o sucedido. 


En realidade o interesante é o que ocorre de seguido: o grupo de Xesús estaba composto por xente con poucas cualidades de carisma ou de intelectualidade, comprensiblemente asustados e agochados tras ter visto a execución cruel do seu líder. A partir deste momento pasan a ser un grupo de verdadeiros apóstoles, que predicarán a palabra de Xesús e afrontarán sen medo toda clase de penalidades, incluíndo o martirio. 


Do que ocorreu daquela tendes de seguido unha película completa por se a queredes ver, se ben son tres horas e algo. 



E agora a pregunta para que me traiades: Cáles son os 7 dons do Espíritu Santo?

Saúdos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario