domingo, 22 de abril de 2018

A morte de Xesús.


Se cadra debéramos parar un momento pensar nos feitos que levaron á morte de Xesús.

Na época de Xesús a Torah tíñase complementado cun conxunto de leis rabínicas que centraban o feito relixioso xudeo na pureza. Era preciso manterse puro, e o simple feito de mirar un cadáver convertíate en impuro, polo que convertías en impura canta cousa tocabas, sendo esixido un ritual de purificación para retornar ao estado de pureza. As leis rabínicas establecían mesmo cantos pasos podían darse nun sábado, de xeito que o cumprimento das leis xudeas convertíase nunha dura e complexa disciplina. 

Contra isto a actitude de Xesús cambiaba radicalmente. Él transmitía a pureza ao impuro con só miralo. Insistía en falar e incluso comer con prostitutas e pecadores, pois afirmaba que os sanos non precisan de médico, así que o médico da alma debe ir onde están os pecadores. 

Está claro que Xesús predicou contra os abusos de Herodes e da élite política e relixiosa de Israel (a corte de Herodes e a casta sacerdotal). O conflicto foi unha característica da súa prédica, e a xente escoitáballe e seguíalle, o que o facía del un home perigoso ante os ollos dos poderosos. Antes que él outros movimentos mesiánicos ou proféticos xa foran aplastados, e non estaba tan lonxe no tempo a execución de Xoán o Bautista.

Neste contexto, acudir a Xerusalén na festa da Pascua xudea, coa cidade abarrotada de tropas romanas e gardas do Templo, era asumir un grave risco. 

Na derradeira cea, Xesús asume por completo o que vai ocorrerlle, mentres que os seus discípulos resístense a semellante idea, dándoa por imposible. 

Con respecto aos responsables da súa execución, os textos poñen como primeira instigadora á aristocracia relixiosa, que excusa a súa morte como necesaria para manter o equilibrio de poder coas autoridades de Roma. Especialmente chamativa é a frase de Caifás no Sanedrín tras a resurrección de Lázaro. Podemos lela en Xoán, capítulo XI. 

45Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel. 46Pero algúns deles foron onda os fariseos, e contáronlles o que fixera Xesús. 47Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Sanedrín e dicían: ‑¿Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. 48Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e mais a nosa nación.
49Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano, díxolles: ‑Non entendedes nada. 50¿Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?
51Iso non o dixo pola súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había de morrer pola nación; 52e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. 53Por iso, desde aquel día, decidiron matalo.

As autoridades xudeas denunciárono logo como blasfemo, pero ao estar sometidos á xustiza romana non podían impoñer pena de cruz por blasfemia (terían que lapidalo), polo que decidiron tamén denuncialo ante os romanos como subversivo.

Posto ante Pilato, o relato bíblico é bastante condescendente con él, xa que o pon como un individuo de carácter débil que non é capaz de impoñerse ante as solicitudes, moi insistentes, dos sacerdotes xudeos. Hai que ter en conta tamén que isto pode ser un elemento introducido no relato a fin de exculpar á autoridade de Roma, para evitar enfrontamentos directos coa súa autoridade.

Xesús non estaba obrigado a acudir a Xerusalén na festa da Pascua, pero dirixiuse alí aínda que como pouco intuía o que iba ocorrerlle. Non retrocedeu, foi capturado, torturado e axustizado. E tras da súa morte todo o que fixera parecía perdido, cos seus discípulos en fuga e atemorizados, e con toda a súa labor aparentemente perdida.

E agora a pregunta: qué sentido lle atopades á morte de Xesús?

Ningún comentario:

Publicar un comentario